LUGO

Desde o Atlántico sentimos a morriña das terras lucenses e cando atopamos algo (facemos coma os emigrantes de alén mar, coma meus pais, que estiveron en Suíza…) desexamos estar na nosa cidade, aínda que onde esteamos se viva máis ou menos ben.

Desta volta as lembranzas viñeron da man dun poema de Claudio Rodríguez Fer, que atopei na páxina do VERBUM: http://www.verbum.vigo.org/virtual/25Vilagrafias/vilagrafias.php

LUGO
A casa do sol nacente estaba en Lugo
Á beira do río
había unha casa
a medio facer.
Nela morabamos nós
cando tamén estabamos
a medio facer.
Iamos en autostop,
entregabámonos ao amor
sen controlar o tempo
e cando se nos facía tarde
esperabamos abrazados
a que saíse o sol.
As nosas nais
preocupábanse
pola noite,
os nosos pais
preocupábanse
polo día.
O tocadiscos portátil
cantaba con Joan Báez
á casa do sol nacente sen cesar,
mentres nós eramos felices
como animais en cío arruinando
os nosos expedientes académicos.
Os vagalumes
aínda poñían luz
ao frufrú dos bluejeans
convertidos en bluesjeans
cando baixabamos
collidos das mans pola cuíña.
Soamente as casas abandonadas
e os seus habitantes
coñecían en tal mundo desolado
o sol que alumeaba radiante
aquela pura alba libre
do noso amor nacente,
orto que nunca coñeceu ocaso.  
 CLAUDIO RODRÍGUEZ FER

As beiras do río que acubillaron unha chea de pasos. O Miño que nos confire unha identidade particular aos lucenses. Sempre imos dar ao Miño. Desde o Rato, onde hai unha casa do sol nacente, que olla amenceres e viaxes en tren, chegamos á Tolda, a Meilán…. á Ponte. A Ponte, barrio popular e humilde, como o da Chanca, onde habita a casa do sol nacente, a de Maximino. Co horto labrado con moito mimo polos devanceiros, labor do que miña nai colleu de momento o relevo e do que algún día me chegará o testemuño.

Advertisements

2 thoughts on “LUGO

  1. Si, é a casa. Imos restaurala para poder vivir nela. Dende aí enriba vese o paseo do río Rato de Lugo e a ponte do tren (que por certo, axudaron a construír os veciños da Chanca, entre eles o meu bisavó, aló polos anos en que o tren chegaba a Lugo, e desas datas debe ser a casa). Este barrio de Lugo está bastante deteriorado, e é unha mágoa que o Concello o teña tan abandonado, por iso temos ganas de ir para alí, para ver se se van rehabilitando as casas, repoboando o barrio. Polo menos, cando os peregrinos entren en Lugo (pois pasa por alí o Camiño de Santiago), teñan mellor imaxe da que terán agora. Nun futuro…

  2. que nostalxia destila o poema,
    e o teu post.
    gustoume iso de ir pasándovos a responsabilidade do horto.
    (e sinto a curiosidade de saber se esa é a casa que ás veces añoras)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s