LUCES DE NOVEMBRO

Comeza o mes de novembro na Chaira lucense, en Outeiro de Rei.

Os meus compañeiros de paseo son a terra, o ceo e os meus cans, Nemo e Reineta.

Imos desfrutando da paisaxe outoniza. Xa quedan atrás as calores tempestuosas que secaron as nosas castañas. 

Podemos , mesturados no verde, gozar dos matices amarelos das follas dos castiñeiros novos que medran á beira do camiño.

E dos primeiros cogomelos, que coa recente humidade, espertan xa

Son os peidos de lobo!

Comprácenos navegar mergullados entre castiñeiros, carballos e piñeiros. Tamén existen outeiros na Chaira.

Axiña chegarán as brancas néboas que cubrirán esta paisaxe e nos levarán ao Reino de Mordor. Mais de momento os grolos de luz timidamente axexan entre as árbores.

E de súpeto, achamos as luces do outono, polo menos deste outono. Inesperadamente en cor violeta e laranxa, mesturadas e espalladas entre ourizos, landras, mazás, follas secas…

A sorpresa vén da man de milleiros de azafráns silvestres e decatámonos de que o outono tamén ten as súas flores. 

 A vida a xurdir, as cores que zoan antes de que a pronta escuridade nos devolva á cheminea e á calor da casa.

Desexaba ensinar estas imaxes, porque aínda podemos gozar do privilexio de degustar o azafrán, a castaña, a landra… os froitos da terra. 

Esta é a paisaxe coa que cada fin de semana me acolle a Chaira.

Advertisements

5 thoughts on “LUCES DE NOVEMBRO

  1. Aínda que iste refrescante post pode xungirnos ca maxia inherente a nosa e a todaslas terras e ca vida estimad@ e ignot@ @utor, teño malos presentimentos.. Creo que voltaremos rápidamente o medievo, a toda ostia pero ainda que iso sexa chungo materialmente, o noso espriito sonreirá e nas aulas se volverá a evocar os sabios, entre os cales terá un lugar destacado o eminente Juan de Salisbury o cal non me importaría adicarlle o resto da miña vida espallando o seu saber. A moitos sorprederá que en 1220 poidéramos falar de SABIOS ¿será deformaçao profesional?

    • Alégrome que o post che resultase refrescante. No medio da escuridade que se aveciña, ou na que xa levamos instalados un tempo, hai que tentar ver luces, necesitamos sobrevivir e respirar. Por iso esa paisaxe “bucólica” é o oasis do día a día. Con respecto aos sabios, a quen lle interesa que os haxa. O vulgo cada día que pasa agilipóllase máis. Xa ves, os profesores non somos máis que pringadillos (evidentemente, non somos sabios, máis si desexamos que a chama da inquedanza, do querer saber, prenda nos nosos pupilos, pero cada día resulta un labor difícil e imposible). Saber, para que? Se hoxe todo se mide polo lado práctico e da inmediatez. A vaquiña polo que vale. Por iso, escribir pasa a ser un refuxio e cada día que pasa, o vicio vai a máis. Escribir no blog tira por min.

  2. compartir a mirada
    a emoción
    a sensación
    a felicidade de ser, de estar
    se non na chaira, si das luces do outono.
    non sei se felicitarte, de felicitarme

    gústoume ver os teus cans

    • Ao ver o teu comentario non puiden máis que dar un chimpo de alegría, pois vexo que, ao escribir, comezo a recoller algún froito. Saber que as miñas verbas transmitiron emoción, que se entendeu o que sentía ao mirar a paisaxe chairega… dáme azos para continuar co proceso da escrita… Agora quero dar un paso adiante, ser capaz de contar historias imaxinadas, crear personaxes, darlles vida… e divertirme coas palabras, e non perder nunca a ilusión e a capacidade de sorpresa…

      • sí! que perdes?
        a min non me chama moito a ficción, pero tamén ás veces penso que sería unha maneira de ser os homes e as mulleres que nunca fun nin poderei ser.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s