IMAXES LUCENSES

MAÑÁ DA MIÑA RÚA

 

Entrou a mañá no meu pobo
tan limpa, tan redonda e pura
coma unha mazá
sobre un espello.

 

Hoxe, a miña rúa está aberta.

 

            ¿Xogan os anxos
            nas cornixas das casas?

 

Ela foi a primeira que pasou
cos seus ledos cadrís:
dous cachos de luz combados abalábanse
sobre un negro tenro.
As ventás, despertas, 
ollábana caladas, ditosas.

 

Dúas raparigas loiras páranse,
unha no sol, outra na sombra.
Ouro tenro dos seus brazos,
prata donda dos seus ombros.

 

Agora, un obreiro pasa
cun espello enriba da súa cabeza.
El non sabe que se vai levando
o ceo e unhas nubes brancas.

 

Alónxase, alónxase…
E pola pulida prata
esbaran a luz e a sombra.

 

Torbeliño brillante, veloz…
un neno en bicicleta.

 

A rúa remata hoxe,
coma se fose ó mar.
O neno pérdese.

 

Sombra do aire na herba, Luis Pimentel

 

A instantánea do poeta lévanos ás rúas da miña cidade, Lugo. Da súa cidade, tamén Lugo.

Cando un camiña de vagariño pola vella Lucus Augusti, percibe a calma dunha vila provinciana, onde o día a día transcorre dun xeito sinxelo, sen máis ambicións que o ir vivindo. Lugo é tranquila, sosegada, morna, acubillo pracenteiro, pedra cálida. A muralla que a rodea ás veces afoga un pouco, e fai nacer nos seus habitantes unha sensación de abafo, é a outra faciana da pracidez de cidade pequena. Semella que en Lugo nunca pasa nada, porque todo se repite coma no poema de Luis Pimentel, dun xeito humilde e rutinario.

Por iso, ao ver o ceo tan azul, tan aberto, sobre da catedral, nese espazo de rúas estreitas, sucumbín á tentación de retratar a estampa matutina. A outra cara do inverno que remata, a mesma imaxe con outra luz con que despedía o ano e daba a benvida ao 2012, ao convulso 2012.

Se aínda descubrides agora a voz de Pimentel, unha recomendación: lede algo máis del, gustaravos. Era humilde ao igual cá súa cidade.

Advertisements

2 thoughts on “IMAXES LUCENSES

  1. e eu que só estiven en lugo unha vez… e só lembro andar polas murallas. do resto, nada: borrado.
    teño que ir,nin moi de inverno nin moi de verán. o xusto sería ir por este tempo…! e ver a primavera rebentar polo camiño…!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s