coma peixes… porque se deixan levar

Somos coma peixes? Cardume a sobrevivir nos OCÉANOS? Cardume de estrábicos! Non sabemos para onde mirar… Pero deixamos que nos leven as correntes nese devezo por sobrevivir. E desas navegacións van quedando cores fermosas. Azuis, anís…. son as cores dos que se deixan levar a mantenta, pois no Océano espera a liberdade, é o bo de deixarse levar a mantenta.

A foto procede do seguinte blog: http://pequenoquiproquo.blogspot.com.es/2011/06/do-ponto-de-vista-dos-peixes.html

Advertisements

Wildwonders04

 

Doncella timida 2

 

Cada día engaiólanme máis os insectos, pequenas xoias de ourivería. Seres fráxiles, perfectos. Patas finas, largueiras, mesturadas entre ás de fino tecido. Simetrías en cores.   E no medio de todos eles, as pinchorras. 

Nesta imaxe atopada na páxina do National Geographic déronse cita algúns dos meus favoritos: a vacaloura e a píntega. E elas trouxéronme outros tesouros da arte natural: a mosca escorpión e a doncela tímida. 

Que tenro nome, A DONCELA TÍMIDA, a MELITAEA DIDYMA. Lévame a mundos medievais de princesas, coas súas ás voo fóra deste frío e triste outono. 

http://www.nationalgeographic.com.es/

DRAGÓNS DE COIRO

Imaxe

Regresa o outono e eu regreso á Terra, á Terra na que me adoptei, a Terra Chá. Os ciclos do ano toman un aspecto máis sereno, o desarraigo vai ficando lonxe, e de vagariño vou repoboando espazos, novamente deixo neles a miña pegada. Regreso doutro xeito, fago unha parada en Ítaca, un mar de herba no medio da chaira. Podo comer as uvas que aínda fican, sen présas. E recupero noite a noite o sono soño perdido. E aquelas pantasmas que noutrora deitaban vagaradas de morriña, hoxe convértense en dragóns que ao seu lombo me transportan novamente a un mundo imaxinario feliz. E aínda así, Coiro, o Morrazo e o Monte Carrasco, seguen nas miñas lembranzas con agarimo.

PETO

Imaxes tiradas do sitio web http://www.rios-galegos.com/ave1920.htm

O PETO

A propiedade do peto é que co seu peteiro escava as árbores, e unha vez que ten feito un gran burato, fai dentro o seu niño. Entón se alguén lle tapona o burato con leña ou pedras, el mesmo vai inmediatamente e trae unha herba e con esta herba toca aquilo que está obstruído e ao momento o levanta. E pode, xa que logo, volver ao seu propio niño.

Hai que reducir esta propiedade a un símbolo: se algún demo che atoase o niño, isto é, o camiño que leva á patria celestial, amósoche o camiño para volver cara á gloria celestial ou cara á propia patria cunha herba, é dicir, coa virtude e con boas obras, coas que se liberará aquilo que está obstruído, é dicir, todo impedimento  que che impide regresar á túa propia patria: pois a nosa patria é a gloria eterna, tal como dixo Boecio: “Mostrareiche o camiño por onde poderás volver á túa patria”, etcétera.

LIBELLUS DE NATURA ANIMALIUM. Libriño sobre a natureza dos animais, Tradución de Raúl Gómez Pato, Ed. Positivas

Sempre sentín curiosidade por saber o que eran os bestiarios. Co tempo fun atopando bos exemplos. Un deles é esta tradución de Raúl Gómez Pato. 

Os animais serven para simbolizar actitudes, virtudes, vicios… E para ollar neles bos exemplos de como actuar. Son sabios e debemos telos moito máis en conta do que os temos. E senón, ollade, se tomaramos o exemplo do peto, non nos amedrentariamos, salvariamos obstáculos, eses muros que hoxendía non  somos quen de saltar. Fáltanos ese sentido común, innato, que posúen os seres da natureza. O ser humano xa non pertence ao cosmos, ou máis ben, nunca pertenceu. Pero se nalgún tempo careceu de sentido común, é este século XXI un bo exemplo. 

Das imaxes que escollín, paréceme especialmente entrañable a segunda, o peto coa cabeciña asomando polo niño. Téñoos visto voar aló pola chaira luguesa. Ao principio, non os distinguía ben. Mais é ben sinxelo, o seu voo semella o dun parrulo, e a súa plumaxe de vivas cores, con ese dorso (ou peto, que non sei ben, eu só son quen de observalo cando voa) gordecho e ancho, amarelado, as cores brillantes do pavo real. De simpático voo, xoguetón, un pouco trasno.

É un dos habitantes do noso medio rural, e para demostralo, esta composición popular que testemuña o seu protagonismo, e que foi tomada desa páxina encantada, chamada http://www.galiciaencantada.com: 

—Pico*, pico, Mazarico,
quen che deu tamaño pico?
—Deume Deus este traballo
pra picar neste carballo.
Piquei e repiquei, 
sete graus de millo encontrei.
E leveinos ó mercado
pra comprar un cocho cebado;
e leveinos ó muín,
i o muín a moer
e os ratiños a comer;
i agarreirnos polas orellas
e tireinos entre as ovellas;
i agarreirnos polo rabo
e tireinos contra aquel cabo.
Caba, cabo cabanón,
mamache nun cagallón.

BESTIARIO: PINCHORRA MARIBEL

Na foto amósovos unha imaxe da pinchorra Maribel que un día apareceu pola casa de Pinipón en Bonxe. Pasaron moitas salamántigas por dita morada, así como cans, ourizos, merlos, paporrubios, xabaríns… e ata canguiños. Quen sabe a de bichos que por ali fixeron parada. O caso é que Maribel tiña unha fachenda sen igual e foi obxecto da ollada dos prezados paparazzis da casa.

Maribel foi especial. Deixouse retratar. Non cuspiu, non mordeu, non empezoñou… o que si, deixou tatuadas todas as estancias da casa. Hai pinchorrras por todas partes. E abofé que no día en que paseou a súa esvelta figura, choveu. E choveron os días posteriores.

O seu bafo segue a iluminar os solpores en que a súa prole nos visita. O seu amarelo brillante sobre o negro alegra os nosos atardeceres e noites primaverais. Eu asócioa as treboadas, pois moitas veces, logo da tormenta, cando vén a calma, a familia pinchorra déixase ver, e resulta emocionante observalas coa súa tranquilidade e pachorra ás costas. Cuidamos de que nada as altere e poidan facer o seu percorrido sen apuros nin perigos.

Benvida, pinchorra!!

((PINCHORRA Píntega, salamántiga. É ben sabido que se trata dun animal velenoso, que se te morde, cospe, ou mesmo só co seu bafo ou aire prodúceche o mal da pezoña. Reprodúcese na pel a figura dunha pinchorra. Cóntase dun neno que perdeu a perna, pois puxo o zapato e dentro estaba unha pinchorra. Viven en ambientes húmidos, sen embargo, dan soportado vivas o lume. Cando medran, sáelles cuncha e transfórmanse en sapoconcho. Cando saen as píntegas ás estradas, é que vai chover.

Diccionario dos seres MÍTICOS GALEGOS, X.R.Cuba, Antonio Reigosa, Xosé Miranda))

Un bestiario (ou bestiarum vocabulum) é un compendio de bestas. Fixéronse moi populares durante a Idade Media en forma de volumes ilustrados que describían animais, plantas e ata rocas. A historia natural e a ilustración de cada unha destas bestas adoitábase acompañar cunha lección moralizante, reflectindo a crenza de que o mundo era literalmente a creación de Deus, e que xa que logo cada ser vivo tiña a súa función nel. Por exemplo, o pelícano, do que se cría que se abría o seu propio peito para dar vida ás súas polluelos co seu propio sangue, era, a través do seu sacrificio, unha viva representación de Xesucristo. O bestiario, xa que logo, é tamén unha referencia á linguaxe simbólica dos animais na guapa literatura e a arte cristiáns de occidente.
http://es.wikipedia.org/wiki/Bestiario