PRIMAVERA

Vine a ver florecer los cerezos,

yazgo bajo las ramas en flor

y duermo.

BUSON

A primavera chama ás nosas portas. As prímulas xa florecen e fachendean nos nosos xardíns. O banco do xardineiro espera, nos solpores do inverno -este ano ben soleados- a que acouguemos logo dunha semana chea de trafegos e trasegos. Descansarán os nosos corpos serenamente ao abeiro dos bulbos en flor, dos tenros xacintos, dos xoviais narcisos, dos iris violáceos e das últimas camelias. Os nosos pensamentos voarán na procura de paraxes imaxinarias.

E como di o haiku viremos ver florecer a terra, xaceremos ao pé das árbores, e durmiremos, e soñaremos, porque os soños constituirán o zume que nos manteña vivos. E entón saberemos que a primavera está ao noso carón, corpo a corpo.

Sempre na espiral do tempo que vai e vén.

ATAXIA

TOMO DO BLOG “ATAXIAS GALICIA” UNHA FERMOSA CITA:
“A VIDA NON É ESPERAR A QUE PASE A TORMENTA, É APRENDER A BAILAR BAIXO A CHUVIA”


GRACIÑAS POR UNHA FRASE TAN FERMOSA

25 DE SETEMBRO, DÍA INTERNACIONAL DA ATAXIA

SABEMOS O QUE É A TREBOADA: O CEO TÓLDASE, A PRESIÓN MOLESTA, OS LÓSTREGOS, OS TRONOS… E LOGO VÉN A CHUVIA… É ENTÓN CANDO A TENSIÓN AFROUXA…
MAIS SUPOÑAMOS QUE A TREBOADA DURA MOITO: LOGO DE ESPERTAR NO MEDIO DA NOITE, VÉNCENOS O SONO E SEGUIMOS A DURMIR, BAILAMOS BAIXO A CHUVIA, SEGUIMOS A SOÑAR, CONTINUAMOS CON MORFEO.
A VIDA, TREBOADA INSOMNE, TREBOADA AXEXANTE.
A CHUVIA QUE NON PARA, E NÓS A SEGUIR SOÑANDO

Aos cinco meses de morrer meu pai, xusto un cinco de xuño, nunha feira do libro en Lugo, o noso querido e admirado Manolo Rivas adicábame un libro seu (cunha desas fermosas adicatorias que con tanto mimo elabora) e poñía: “Que a vida sempre veña con zapatos de bailar”. Curiosa casualidade, con esas palabras tomei azos para sobrevivir e para bailar baixo a chuvia. E non sei por que, pero penso que algo teñen que ver esas verbas, as de Manolo Rivas e as do blog  http://ataxias-galicia.blogspot.com

 

Que sempre teñamos zapatos, ou aínda que sexan chancas, para bailar baixo a chuvia cun sorriso. Mentres chova…  

Na foto (tomada do blog 

http://elblogdeayoo.blogspot.com/2009_01_01_archive.html )

unhas chancas ou chancros.

Razóns para ler

Voa!

Quizais a medida da lectura non debe ser o número de libros lidos, senón o estado en que nos deixan. Que importa se un é culto, está ao día ou leu todos os libros? O que importa é como se anda, como se ve, como se actúa, despois de ler. Se a rúa e as nubes e a existencia dos outros teñen algo que nos dicir. Se ler nos fai, fisicamente, máis reais. Gabriel Zaid