COMA SEMPRE

Felizmente repítense as estacións, repítese o verán. E chega o ansiado descanso e con el as súas rutinas: reencontros devecidos, con persoas e lugares; espazos diferentes, a praia e a horta; as nosas viaxes.

Con variacións, facemos unha paréntese e todo torna máis vivo. Na casa, o xardín énchese de flores. Temos rosas todo o verán, margaridas, hibiscos… Dámoslle vida a novas aromáticas: ourego, romeu, salvia, helicrisio -que ben cheira!- , lavanda…

Regresamos ás terras do Morrazo, onde nos agarda a praia  de Tuia, onde a mente se deixa acariñar polo rumor do ir e vir das ondas e o baño se torna reparador. É o paraíso.

Chegan os reencontros entrañables. A madriña, o afillado. Tanto e tan pouco tempo.

E volvemos xuntos a Portugal; ti e máis eu, nunha  escapada de obrigado cumprimento. Desta volta foi Lisboa. As súas cores, a súa luz. Subidas e baixadas. Alfama, Jerónimos, Chiado,  o Carmo….Os gelados,, a pel salgada. As tardiñas no jardín dos camelios centenarios. E ao regreso, a música de Deolinda. A parada en Buçaco.

Un novo verán no que se repiten moitos “coma sempre” e se recupera algún “hai tempo”. Como nunha espiral. Como nunha espiral.

SIGNIFICADOS NO BALEIRO

IMG_2674

 

Semella que están esperando por nós. Ausentes.

Por nós que nun serán calquera , logo de cortar a herba, sentamos xuntos a tomar té moruno.

Por nós, que na caloriña dun mediodía de sábado, na primavera, sentamos xuntos a ler o xornal, desfrutando tamén do vermú.

Por nós, que as habitamos en cada estación.

E logo, ao regresar, baixo o castiñeiro, volvemos darlles sentido.

RECUNCHO

Imaxe

 

Foi un dos recunchos que el preparou, acondicionou… e ti imaxinas que pensou en ti cando con agarimo traballou este espazo. Sabe que gustas de ler ao aire libre no verán, que nas vacacións les sen mirar o reloxo, que te mergullas nas historias e dan as horas. Que mirar a vida pasar no tempo detido tamén che fai sentir ben. E hoxe, co cansazo acumulado logo de días de hospital, coa tristura selada ao corazón, porque cando aparece a enfermidade sempre hai un antes e un despois… Cando vives na fronteira do onte e do mañá, cando xa quedan atrás os días en que as cousas eran diferentes… 

Revisas as fotos dos recunchos da casa nos que houbo un tempo feliz e axúdanche a pensar no que che dicían “Mañá mellor, mañá mellor” para axudar a saír adiante…

E, tenramente, convénceste de que é certo: “Mañá mellor”

 

FLORES NAS HORAS

IMG_1730

Como era costume, os sábados gustaba de sentar na galería e ollar pola ventá. Ver a vida pasar en forma de estacións -os primeiros gromos, o sol a cachón, os ocres outonizos ou as árbores espidas, cos seus esqueletos trementes-. Con todo, cumpría non deixarse levar polas ensoñacións, un dos seus entretementos favoritos. Deixarse levar…. Non podía ser! Tiña que rematar a lectura que comezara, xa estaba ben de empezar os libros e non rematalos… Ou rematar aquel relato para o cal xa atopara personaxe, Xacobe, un carpinteiro, como o seu avó.

Inevitablemente volveu a ollada ao pasado. Na galería acompáñana obxectos que lle falan del, das horas do pasado, do paso do tempo. Ese fluír que tanto a angustiou no seu tempo e que agora xa toma como un feito natural. O tempo pasa, pero os recordos que nos deixa son flores, flores que acompañan ás agullas do reloxo. As tardes cos avós na Chanca, os días de verán cos pais, os paseos por Lugo coa nai, as escapadas coa parella, os paseos pola praia cos cans….

Non podía deixalas murchar, e por iso agora escribe con voráxine desde a súa fiestra que, como en Mar adentro, lle permite voar lonxe.

Non pode deixar que as rutinas do día a día lle fanen as flores que han nacer. E xúrase a si mesmo vivir o tempo intensamente para nun futuro recoller rosas, buganvillas, iris, xeranios…. que cos seus aromas han acompañar as horas do reloxo.

LEMBRANZAS

IMG_2192

 

Urxíalle espelir a area. Coma nun reloxo silente e murmurador, esvaraba de continuo, sen parar, sen pausa, dun xeito infinito. e iso pesáballe, amolábao. Precisaba alixeirar a mente.

Daquela foise para o estudo e deixouse regresar. A escuma branca puíndo rochas volcánicas. As néboas atlánticas creando misterios nas montañas. O tacto seco das piscinas. A vertixe de adrenalina do Areeiro. Percorreu mapas do recordo, desde un asento ao pé do aeroporto, ollando o horizonte e imaxinando navegacións.  Sentindo a brisa abanear as pólas das palmeiras. E desde alí, tamén viistou Europa.

Decote, coma nun ritual, percorre estradas de Europa ás Illas, levado por sons metálicos, sinfónicos e dourados.

Son as viaxes do corazon.

coma peixes… porque se deixan levar

Somos coma peixes? Cardume a sobrevivir nos OCÉANOS? Cardume de estrábicos! Non sabemos para onde mirar… Pero deixamos que nos leven as correntes nese devezo por sobrevivir. E desas navegacións van quedando cores fermosas. Azuis, anís…. son as cores dos que se deixan levar a mantenta, pois no Océano espera a liberdade, é o bo de deixarse levar a mantenta.

A foto procede do seguinte blog: http://pequenoquiproquo.blogspot.com.es/2011/06/do-ponto-de-vista-dos-peixes.html

FOGOS ARTIFICIAIS

De cativa moito desfrutaba cos fogos artificiais polas festas do San Froilán. A luz, as cores, a forza, a grandiosidade… entusiasmábanme. Medrei, e seguen a ser un dos atractivos das festas. 

E non sei ben por que, veño de lembrar un feito excepcional nun día cotián, valla a redundancia. Debe ser que tanta tristura que nos rodea, tanta crise, tanta morriña de choiva están a estoupar no meu interior. 

Ás veces sinto necesidade de botar os cabelos ao vento e evadirme, a xeito de canto á ledicia, porque non pode ser que tanto despropósito veña a derramar a única vida que teño, a que só podo eu vivir.

É por iso que vos convido ao sorriso, ao canto, á gargallada…

DOCES Á BEIRA DO TÂMEGA

Verán, os ríos van baixos. Quedan illotes areentos que cambian a paisaxe.

O Tâmega acompañou a nosa degustación do postre típico de Amarante. Non lembro o seu nome, mais sóubome a paraíso, nun instante cos que a vida te agasalla ás veces, un instante de tenrura e serenidade.

Estaba feito con xemas de ovo e almibre por riba, tiña unha textura engaiolante, ao chegar ao padal e espallar todo o seu sabor inundou de pracer o momento.

A tenrura nun envoltorio exquisitamente preparado, acompañado do ritual característico dos portugueses. Non sei que valería máis, se aquel par de pasteliños ou a caixiña en que amorosamente nolos prepararon.

A tapa da caixiña lembroume un azulexo portugués, coa cor azul anil de louza, naquel atardecer de verán en Amarante.

Na casa de Pinipón prodúcense estraños fenómenos: o gato é medio can -dislle “Ven!” e séguete coma se foses mamá-parrulo, vén detrás túa. Vai de excursión canda ti. 

E logo están as árbores. Existe un castiñeiro con forma de abeto. Medrou ao lado dun e imitouno, a mesma forma -por certo, coa flor dourada, están marabillosos, os castiñeiros-.

Ao seu carón, o carballo anano. 

E dentro do forno, a hedra a medrar na escuridade. Curiosamente hai vida no interior frío da pedra.

E mutacións varias, que o cansazo non me deixa recordar.

E o mellor de todo, que xa estou de volta na casa para poder sentir todos eses aromas e imaxes! 

As maletas han criar arañeiras!