CAMELIAS

Ei, donas do Vilar! Erguede os finos rostros e sorride,

que andan galáns de corte con soedades de vós!

Agás que prefirades vélos morrer de amor.

Le temps s´en va.

Le temps s´en va

mes dames!

RONDEAU DAS SEÑORAS DONAS PINTADAS NO OUSO DO VILAR, NO SÉCULO XIV, CHEIRANDO UNHA FROL,

Dona do corpo delgado, Álvaro Cunqueiro

Co mes de marzo avantando, xa comezaba a ver flores nos xardíns. Non eran as cores do inverno, agora o tempo era das azaleas, camelias, xacintos…

E pola tarde, logo de saír da xuntanza do Club de lectura, sentiu a necesidade imperiosa de darlle un toque de cor á plantación da terraza. As gardenias ían tirando, mais aínda non agromaran os seus cálidos e recendentes froitos. Os xacintos, que tanto lle gustaban, apenas existían nas florarías, “agora vaiche ser difícil atopalos”. De xeito que optou por unha azalea, unha azalea fucsia, unha das súas cores favoritas.

Ao chegar á casa, aquela azalea xa lle falara de que había que tomar medidas co balcón, aquela deixadez non podía continuar. E debeu ser o fucsia, activouse e agora xa ten colorido no espazo que se divisa a través do cristal. O gato tamén está ledo, xa leva días sen saír fóra, nun piso teno algo máis complicado, tenta escapar escaleiras abaixo, pero axiña as mans humanas o atrapan e devolven ao espazo do acubillo. Agora, coa compañeira xa cambia o asunto. Sobe á mesa, tenta atrapar bichería varia, xoga, xoga… E, aínda que non é a aldea, é vida.

É por iso que pensou que a primavera xa estaba aí, á volta, e os días habían ter máis luz. Animouse, logo de escoitar algunha das cancións que os amigos colgaron no feisbuk. Aretha soaba, a música disco que tantas veces bailara de moza.

E foi nesas cando se lembrou das donas ás que Cunqueiro deu vida no seu Rondeau, as donas de Vilar de donas, as donas que anuncian a primavera, os mozos amores, a ledicia xuvenil.  O humor cunqueirián.

Facede coma elas, “Erguede os finos rostros e sorride”.

Advertisements