RECUNCHO

Imaxe

 

Foi un dos recunchos que el preparou, acondicionou… e ti imaxinas que pensou en ti cando con agarimo traballou este espazo. Sabe que gustas de ler ao aire libre no verán, que nas vacacións les sen mirar o reloxo, que te mergullas nas historias e dan as horas. Que mirar a vida pasar no tempo detido tamén che fai sentir ben. E hoxe, co cansazo acumulado logo de días de hospital, coa tristura selada ao corazón, porque cando aparece a enfermidade sempre hai un antes e un despois… Cando vives na fronteira do onte e do mañá, cando xa quedan atrás os días en que as cousas eran diferentes… 

Revisas as fotos dos recunchos da casa nos que houbo un tempo feliz e axúdanche a pensar no que che dicían “Mañá mellor, mañá mellor” para axudar a saír adiante…

E, tenramente, convénceste de que é certo: “Mañá mellor”

 

Advertisements

AMIGOS PARA SEMPRE

Xuntanza de verán, época propicia para as reunións sen présas, sen os axitados ritmos que nos marca o día a día do inverno. Unha desas escasas ocasións de entrañables e cálidos encontros, onde non hai que dar explicacións polas ausencias, cando é estar por estar, coa lixeireza e a dozura de acudir porque simplemente apetece ver aos vellos amigos, charlar un pouco, e deixar que esa imaxe, ese recordo permanezan sempre na rexión do corazón chamada amistade.

É unha das fotos do meu arquivo que máis me gustan. Os vellos amigos que despois de camiños diversos deciden xuntarse para comer e pasar unha tarde agradable, como se todo permanecese igual, con esa tranquilidade do xa coñecido.

Espero que se repita. A amistade é un valor a mimar, por estes máxicos momentos xa merece a pena. Fixádevos nos seus rostros, están serenamente felices, non si?

(Espero que os fotografados non me “caneen” por telos “colgado” en internet, pero penso que a instantánea merece ser ensinada)

SOLPOR DESDE O COCHE

(Imaxe tomada do blog http://locosporelmonte.blogspot.com/)

De volta ao Morrazo, logo duns días nas terras da chaira luguesa. E o solpor tenta darme esa calor que tanto preciso nese intre. Vou conducindo e non podo parar a fotografar toda a luz que inunda a paisaxe, por iso busco na nube, e atopo algo semellante ao que vin. É difícil traducir o que sentín, pero había tempo que o regreso a esta península non me transmitía a pracidez que hoxe experimentei. Quizais, xa a viña sentindo ao longo das tres horas de percorrido atravesando Chantada, Ourense (as terras de Otero aló ao fondo), Ribadavia, deixando Melgaço a un lado… e así chegamos ao sur. E as Cíes, e de novo lembrei a dona que mira por min todos os días, tumbada serenamente no Atlántico, a Illa, a Ons.  E foi así como comecei hoxe a sentirme un pouco de aquí. Un pouco de aquí e un pouco de alí, e lembrei a película Un lugar en el mundo. Cal será realmente o meu lugar? Cal será a xeografía do meu corazón? Da miña identidade? Son tantas! 

La moraleja de esta historia es que cada persona debe encontrar su propio lugar en el mundo, donde pueda ser feliz y a la vez ayudar a los demás a realizarse como seres humanos. (http://peliculasesen.blogspot.com/2011/04/un-lugar-en-el-mundo.html)

BICOS PARA O 14 DE FEBREIRO

Toulouse Lautrec

  Alfred Eisenstaedt  

   O bico de Rodin

Constantin Brancusi

Bico de Rhett e Scarlett en  Gone with the Wind

Os anteriores son algúns dos bicos que atopei. Todos me resultan engaiolantes, pero sen dúbida quédome co do sétimo arte. Con que elegancia Rhett consegue deter o tempo coa súa amada Scarlett. Vin, volvín ver e non cansarei de ver esta escena. Cando vexo a película e vai chegar este momento, deléitome coa espera inqueda. E cando a abraza e ela se deixa levar…! 

Cantos amantes se estarán bicando neste día dos namorados? Un día enloitado polo voraz consumismo, pero iluminado polos amantes que con emoción agasallan aos seus amados e amadas, que sorprendidos gustan de aceptar os galanos.

Con todo, celebrade o namoramento sempre. Os bicos saben ben a calquera hora e calquera día. Non fagades como Scarlett, non fuxades e logo vos arrepintades. Sentide cada bico como un doce prezado, deixádeo pasar, nunca vos lamentaredes.

MELLICA MEHRABAN

Dando unha volta polas fotografías premiadas este ano pola World Press Photo, a través dos diferentes xornais, topeime con este rostro, e xa sabedes da miña especial debilidade polas imaxes de rostros, que acostuman ser moi expresivas. Pois ben, a foto encántame, e, de todas,  é a que irradia un  pouco de luz, pois as outras son aterradoras, estupendas e marabillosas, mais insisto, aterradoras. Dende a premiada, a do español Samuel Aranda, unha Piedade moderna, se é que hai algo de moderno na Piedade ata a de Pionyang (que inevitablemente me lembrou a novela gráfica homónima, do francés Guy Delisle) todas amosan o lado máis incivilizado e patético da vida das xentes que habitan hoxe a terra. E a foto da actriz danesa de orixe iraniana constitúe a máis positiva de todas, na que quizais enxergue algo de esperanza.

Pode ser que estea mirando o mar e as ondas se reflictan nos seus guechos ondulados sobre a faciana. Percorréndoa como ríos.

Non obstante, se vos digo a verdade, a sorpresa xurdiu no momento en que procurando información sobre ela, atopei na súa páxina estas imaxes: 

http://www.mellica.com/

Mellica Mehraban Actress

Ao mirala esquecede que semella a Barbi, centrade a atención na súa ollada no brillo, na profundidade, no escintileo da mesma, resulta fascinante. Ben, fascinante fascinante… na primeira, na gañadora do premio… Se eu fose Mellica, tentaría poñer a primeira como cabeceira do meu sitio web, e olvidaría loiros cabelos. O negro séntalle mellor.

MÁQUINAS DE COSER

A

Five Working in British Factories and Workplaces, UK, 1972 

Darcy Lange

A Singer foi compañeira de infancia. Veu de Suíza, coma min. Simbolizaba a moderninade e posta ao día que o país helvético supuxera para os nosos pais e nais emigrantes; un exemplo, os primeiros deterxentes coñecéronos e usáronos alí, antes todo era xabrón Lagarto.

Mais tamén representa un xeito de vivir, unha etapa de esforzo, de traballo por superarse, de apañarse para ir saíndo adiante.

A Singer coseu o noso vestiario: pantalóns de cadros que rascaban, saias, conxuntos de chaleco e saia, camisas… Miña nai era boa costureira, pero odiaba aquel labor. A saber o esforzo que supuxo ter que coser aquelas vestimentas. De pequena quería estudar, era a súa ilusión. E non puido ser: a carreira da muller era casar e o que tiña que aprender era a coser. De aí que pasase algún ano da súa mocidade confeccionando o seu enxoval. Só quedou daquela actividade, unha aceptación insufrible. Serviulle, iso si, para levar os fillos ben arranxadillos, que ben guapos que estabamos coas roupas cosidas pola mamá. 

Vestidiños cortados segundo patróns, o papel de seda para debuxalos, aquel marcador azul que pasaba sobre as liñas, os alfinetes que suxeitaban mangas de papel e dobras… era o día a día nos anos setenta.

E todo para que? Agora recuamos como os cangrexos e todos aqueles traballos, en van, para nada. Estudaron os fillos, prometíanse tempos mellores para os seus vástagos… E agora, ou na rúa parados, o co medo asombrándonos. E de novo a vivir deles. Só que agora xa non lles quedan nin vista nin forzas para cosernos os vestidiños. Iso si, queda o fermoso recordo da súa loita pola mellora de vida para os fillos da clase obreira. O seu agarimo e os seus acochos. Bicos para todos eles.

O PASADO DE RAQUEL

Fotografía Humanitaria Borja Alegría

Borja Alegría, El pasado de Raquel.

A foto fíxose en setembro do 2005 no Parque Balboa de San Salvador, durante un obradoiro de Médicos do Mundo para adultos con sida (Borja Alegría)

http://www.20minutos.es/galeria/644/0/7/

Impresionoume esta foto. Tendo en conta o que fai Raquel e o título da fotografía, podemos supor que esta moza está a escribir un diario. 

A súa ollada triste, apagada… captura a nosa atención. Ademais está a escribir, a importancia da palabra, da palabra escrita neste caso. Raquel quizais teña moito que contar: a súa marxinación por mor da sida, a súa rabia pola pobreza na que vive -inxusta, tendo en conta como se vive noutros lugares-, a rabia por levar a sorte tatuada no nacemento… Mais se hai pasado tamén ha de existir o futuro. 

A foto foi tomada no 2005, xa vai para sete anos. Que será de Raquel? Que será desta mociña que engaiola con ese fermoso gorro e coa ollada posta sobre as letras…? Pensemos que agora está a escribir o seu futuro.

LUCES E SOMBRAS NAS RÚAS DE LUGO

  

É pola mañá. Unha mañá neboenta, fría, xeada do mes de Nadal. Decembro a piques de rematar, finaliza novamente un ano máis. Comezan, no mesmo ciclo, as vacacións no berce, na cidade do Lucus Augusti. O hoxe meu bosque sagrado. Bosque, fraga, rueiros… entre os que camiñaron os meus antergos nos seus trafegos cotiáns.

Laxes serenas do recordo.

Lembranzas avelaíñas nesta mañá de Nadal facédesme as beiras, sodes compañeiras no meu voo a tempos pasados, no meu regreso a tempos presentes… por unhas rúas que habitan permanentemente o meu corazón.

(Desculpade a calidade da imaxe, os medios eran os que eran)