Maxia a grolos

É preciso un exorcismo para sobrevivir as datas do Nadal. Iniciar a lectura dunha novela non vos é mala idea. Hai quen para fuxir do tedio das xuntanzas se agocha tras unha historia. Unha das múltiples vantaxes da literatura.
 

BÁGOAS FEMININAS… E SILENCIOSAS (2)

LA VOZ DORMIDA de B. Zambrano é unha homenaxe ás mulleres que choraron  vítimas da guerra do 36, máis podería facerse extensiva a homenaxe a todas aquelas  mulleres que choran polo mesmo motivo neste mesmo instante en que escribo esta nota.

Onte fun ver esta película e de novo, cando visito o cine para ver unha historia sobre esta temática, volvín pensar que non nos queda tan lonxe e que dura foi a vida para as nosas avoas e avós.

Mais á parte dos temas constantes, da homenaxe da que se fai ás mulleres vencidas e compañeiras dos vencidos (do que se falará  e se falará, como debe ser), houbo un aquel que  me chamou a atención. Nela podo atopar un argumento moi ilustrativo da importancia de saber escribir e ler, e que nunca sabemos cando o imos necesitar. Tensi, a moza que desexaba ser mestra, puido no cárcere ler a carta do seu home e tivo un momento de amor naquela celda infrahumana, un instante de humanidade que a fixo voar de novo. Tensi puido dar a coñecer aos que estaban fóra o padecemento das mulleres e dos nenos que estaban amoreados naquel rocho putrefacto. E todo porque alguén lle ensinara a ler e a escribir. Nunca tería imaxinado ela do que lle ía servir. Escribir, dicir. Ler, sentir. E que triste que o seu home tivese que recorrer a outro para que lle escribise a carta, pois el non sabía escribir. Hai momentos en que escribir preserva a nosa intimidade.

E a metáfora de “comer as verbas” (cando teñen que comer a carta para que non llela incauten) que remite ao silencio obrigado da posguerra.

Dá para falar moito, e isto que veño de comentar non é o máis importante, pero si é necesario lembralo nestes tempos de pouco cariño á cultura e ás letras.

Ide ver a película. É moi dura e triste. Pero hai que recordar de vez en cando estas historias.

A min agora tócame ler o libro, é unha conta pendente.

Se queredes ler algún comentario sobre o libro, neste blog atopei algo interesante 

http://www.librosyliteratura.es/la-voz-dormida.html#comments

DESHONRA, J. M. Coetzee

Comecei a ler o libro Deshonra de Coetzee e confeso que me ten enganchada. Despístame o protagonista, o profesor David Lurie, ás veces semella un vello verde, un obseso , un prepotente ou tal vez o que chamamos “un chulito”

“Ela énchelle bastante o ollo. Non é novidade ningunha. Non hai trimestre que non se namore dalgunha das súas alumnas. Cidade do Cabo:unha cidade pródiga en beleza, en belezas.

Saberá ela que el lle ten o ollo posto? Probablemente. As mulleres son sensibles a iso, ó peso dunha mirada cargada de desexo”.

Outras parece desexar realmente a Mélanie; ás veces é groseiro con ela, realmente que quere dela? Só sexo? Desexa vivir con ela?Está namorado dela? Sente pánico ao se decatar de que se converteu en algo máis ca un “asuntiño rápido”.

“Cando el deu o primeiro paso, nos xardíns da universidade, pensara que sería un asuntiño rápido, que comeza rápido e acaba rápido. Agora tena na súa casa, e arrastra complicacións tras de si. A que xoga ela? Debera ser cauto, diso non hai a menor dúbida. Pero quizais debera ser cauto dende o comezo”.

Semella un tipo moi inseguro e que non sabe ben o que quere.

De momento non é un personaxe que me caia ben. Lendo penso “estache ben”. Pero a verdade é que a rapaciña, Melanie, tampouco se sabe moi ben de que vai.

Estou no capítulo 6, a ver como continúa.

Seica se fixo unha adaptación cinematográfica da novela: Disgrace, protagonizada por John Malkovich.

Aí queda un trailer de dita peli (o enlace máis ben)

QUE VAI PASAR COAS BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA?

CONTRADICIÓNS DA POLÍTICA

ÁS BEs de  Galicia acábanlles de dar unha boa labazada, ou o que é o mesmo unha pancada en certa parte (c…). Por un lado, na orde da Consellería na que se regula a participación do Plan de Mellora de Bibliotecas, establécese que os equipos de bibliotecas han recibir formación, e ínstase a adquirila. Por outro, nos plans de formación de profesorado para o curso que vén non hai lugar para as asesorías de bibliotecas escolares, é dicir, deixan de existir os profesionais que coordinan a formación no eido das bibliotecas. Que quere dicir isto? Ben que os responsables das bibliotecas somos superheroes que todo o sabemos, ben que queren que ese proxecto tan interesante para innovar a maneira de ensinar esmoreza e todo siga igual. Cada un que tire conclusións.

A CONTINUACIÓN REPRODUZO O TEXTO-MANIFESTO que as bibliotecas publicaron nos seus blogs:

A INSOPORTABLE LEVEDADE DAS BIBLIOTECAS

ESCOLARES GALEGAS

Por biblio201011

Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:

A insoportable levedade das bibliotecas escolares galegas

Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos, esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentesque xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.
Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería taméninteresante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos? O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós? En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?

Podedes ler máis en http://bibliotecamontecarrasco.wordpress.com/2011/06/01/a-insoportable-levedade-das-bibliotecas-escolares-galegas-2/

O ARMIÑO DORME, Xosé Antonio Neira Cruz

Na vila de Bueu celebrouse unha xuntanza do club de lectura para compartir a lectura de O armiño dorme, xuntanza á que tamén acudiu o seu autor, Xosé Antonio Neira Cruz.

Resultou realmente interesante. Como naceu a novela e como resucitou Bianca de Medici, o que hai de real e o que hai de ficción na obra, a historia truculenta dos Medici, o Renacemento italiano… dúas horas que pasaron voando.

Contaba Xosé Antonio Neira Cruz que de cativo a súa avoa lle contaba cada semana un pouco dunha historia que nunca remataba e sempre  continuaba na visita do sábado seguinte e como isto influíu no feito de narrar historias para nenos.