TENDAS LUCENSES: O MARAGATO

TENDA: Establecemento comercial onde se vende polo miúdo.

Son unha apaixonada das tendas de vello, desas que de vagariño van sucumbindo á modernidade, aos tempos de hipermercados e centros comerciais.

Tal vez sexa porque moitas tardes de domingo da miña infancia discorreron no bar dos meus avós, na Casa Román de Castelo, ás aforas de Lugo, tirando para o Carqueixo, onde hoxe está o novo hospital. Aquel ambiente de “corte inglés”, onde tanto chateaban os homes da vecindade como as mulleres viñan mercar aceite, ou papel Elefante, aquel duro dunha soa capa, un monocapa. E lembro as chapas da Fanta, e da Mirinda, e o cheiro a viño, e a adega cos bocois co viño de Quiroga, de Seadur, aquel que tanto gababan meu pai e os seus irmáns. E aínda recordo a meu avó trala barra, e a miña tía cos brazos cruzados deixando pasar o tempo cunha mestura de aburrimento e indiferenza.

Pois será por iso, que sinto un aquel especial cando paso a carón dun deses establecementos con querencia.

O Maragato en Lugo é toda unha institución. Alí podes atopar produtos de todo tipo, como os que se ven na foto. E son boísimos os queixos manchegos que alí venden, saídos dun aparador tan vello como a tenda. Non pasa o tempo polos seus dependentes, e non hai moito que aínda lle fixeron un apaño e o arranxaron. Imaxino a algún dos Menciñeiros cunqueiráns mercando cordas, sombreiros ou caxatos de paso que viñan ao San Froilán. Ou a Fole baixando a rúa San Pedro, polo lado da porta do Maragato.

Canta vida neses locais, canta xente xuntaron. Referencias senlleiras das cidades. Mil primaveras máis!