RECUNCHO

Imaxe

 

Foi un dos recunchos que el preparou, acondicionou… e ti imaxinas que pensou en ti cando con agarimo traballou este espazo. Sabe que gustas de ler ao aire libre no verán, que nas vacacións les sen mirar o reloxo, que te mergullas nas historias e dan as horas. Que mirar a vida pasar no tempo detido tamén che fai sentir ben. E hoxe, co cansazo acumulado logo de días de hospital, coa tristura selada ao corazón, porque cando aparece a enfermidade sempre hai un antes e un despois… Cando vives na fronteira do onte e do mañá, cando xa quedan atrás os días en que as cousas eran diferentes… 

Revisas as fotos dos recunchos da casa nos que houbo un tempo feliz e axúdanche a pensar no que che dicían “Mañá mellor, mañá mellor” para axudar a saír adiante…

E, tenramente, convénceste de que é certo: “Mañá mellor”

 

DÍA DA MULLER

Imaxe

Enigmática, soñadora, enérxica… e asemade tenra, doce, entrañable. E o león da fonte reforzando a imaxe. E a figura enmarcada nunha luz decadente, nunha luz coma de abril.

A forza dos retratos femininos de Vittorio M. Corcos. Descubrina lendo o libro As mulleres que len son perigosas, xusto o 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Que ben que haxa homes que saiban retratar a enerxía do xénero feminino. Mais canto queda por facer, hai moitas enerxías silenciadas e hai que darlles voz. Silenciadas na cultura xeral, para a maioría. 

Cantas grandes mulleres aínda permanecen na sombra! Haberá que equilibrar a balanza.

Imaxe tirada do blog http://www.360gradifioridibach.com/2010/12/wild-rose-e-corcos.html

L’incontro con Elena Vecchi, la fascinosa figlia dello scrittore Jack Bolina qui ritratta, è per Coros una sferzata di nuova e potente energia in una vita appiattita nonostante il continuo successo.  Questa signorina è intrigante, il ritratto lo rivela bene!

MUIÑO

Imaxe

image

TECER o vento. Ver correr cavalos

na beira do solpor, ceibes as crinas

nun ar de bálsamos, e a chaira

longuísima estendendo-se ao infinito. 

E rompe a danza: o galerón llanero

como outrora na Ática danzaban 

a corpo nu meniñas tremerosas…  

Última fuxida a Harar, Antón Avilés de Tamarancos

Furia. Coma nos versos de Avilés, o muíño do Escádebas viu correr cabalos ao solpor, eran cabalos de fervenza, con crinas erguéndose con furia, coa velocidade da auga nova que vén de lle nacer á terra. O vello muíño, con guedellas de hedras, co ollo chosco e a boca aberta berrándolle ás linguas falangueiras que esvaran inquedas. O vello muíño, galerón chairego, capitán empulingado vixiando xanas e mouras, abelaneiras e bidueiras.

Acougo. E logo máis abaixo, un borboriño sereno, acougante.  A terra a cheirar humidades das penas, co brión recén posto.

BONXE NEVADO

Imaxe

image

 

Hai uns días que Mequiños ollaba desde a fiestra para a chuvia. Hoxe, escondíase no radiador, logo de saír dar unha volta polos arredores e comprobar a friaxe da neve recén caída. Algunhas árbores manteñen a follaxe e acollen nas súas follas o fenómeno excepcional que nos pon en alerta. Outras, coma o vello castiñeiro, coas súas pólas espidiñas, debuxan unha imaxe de retortas veas esbrancuxadas. O seu esquelete sinuoso resulta tan espectacular como o agromar da primavera. Son  excepcións que cambian a monotonía, que nos obrigan a un alto no camiño, e que lle dan unha nova cor aos nosos pesimismos. Logo virán días de sol e a luz anegará as nosas retinas. De momento, esta meteoroloxía fainos pensar en lareiras “á lus do candil”.